Willy Meyer

Willy Meyer dimite do seu posto de eurodeputado, un mes despois das eleccións, por ser un da centena de eurodeputados que investiran os seus cartos nun Plan de Pensións privado, xestionado por unha SICAV no paraíso fiscal de Luxemburgo.

As redes sociais explotaron en insultos contra Willy Meyer. Tamén contra Rosa Díez quen, ao parecer, tamén participou nese Plan de Pensións durante a súa época de eurodeputada, cando aínda se denominaba socialista. A lista completa de eurodeputados non se coñece, aínda que se mencionan os nomes de Elena Valenciano ou Miguel Arias Cañete.

A dimisión de Meyer hónralle, igual que deshonra ós que, participando dese Plan de Pensións nun paraíso fiscal, non seguiron o seu exemplo e van continuar ensanchando os cus nas súas poltronas, e viaxando en primeira clase, a cambio de exercer o seu coñecido papel de brazos de madeira no Parlamento europeo.

Non obstante, o que esta noticia me suscita, é por que nos cebamos esaxeradamente coa xente que se proclama de esquerdas, cando é pillada en falta, e non facemos o mesmo cos claramente conservadores como Arias Cañete, Rosa Díez ou outros.

A estafa (chamada crise) do 2008 puxo de manifesto, entre outras, un par de cousas nas sociedades españolas. Dun lado, o xurdimento do 15 M evidenciou unha ruptura xeracional entre as xeracións novas, que non elixiran a sociedade na que lles tocou vivir, e as dos seus maiores, aburguesados nun consumismo hippy-progre nunha sociedade cuxa maior parte tampouco escollera pero á que se adaptaron facendo seu o slogan “vivimos no mellor dos mundos posíbeis“. Por outra parte, esa mesma estafa levou consigo (e leva consigo) unha desigualdade e unha miseria que había moitos anos que esas xeracións consumistas non vivían nas súas carnes. A fame e a desnutrición infantil eran cousa do terceiro mundo.

O terror resultante de ver como todo aquilo no que crías ou que che ensinaron esborrállase ao teu arredor (progreso persoal e social, sociedade do suposto benestar, consumo sen límites como sinónimo de crecemento económico, vivir mellor que os nosos pais para que os nosos fillos vivan mellor ca nós, etc.), produciu a volta ao activismo dalgúns vellos roqueiros, (en calidade de iaioflautas no caso de persoas xa xubiladas, ou organizándose en movementos sociais como a PAH noutros casos), a ruptura de esquemas mentais doutras moitas persoas, a irrupción en política de mozas e mozos aos cales esta xamais interesara, a través de plataformas diversas, e o cambio do sentido de voto entre a porcentaxe de poboación que aínda acode a votar.

O auxe de Podemos, por exemplo, circunscríbese nese panorama e, posiblemente, só nun panorama similar sería posible unha eclosión dende a nada dunha formación transversal que non se sitúa nin na esquerda, nin na dereita, que soubo ler perfectamente o panorama e copiar, por que non o dicir, os slogans máis famosos do 15M. Non obstante, volvendo á pregunta que me facía antes, esa ilusión que as persoas que aínda votan puxeron en Pablo Iglesias, estalaría en mil anacos en caso de que o carisma e a credibilidade do seu persoal líder desaparecesen por calquera motivo que os seus seguidores puidesen considerar unha traizón. E ese dano sería irreparable. A súa onda expansiva afectaría a un número indeterminado de movementos sociais e minarían a súa credibilidade durante moito tempo.

Está por ver, por exemplo, canto dano fixo a Esquerda Unida o feito de que un dos seus representantes estivese a preparar a súa xubilación a través dun fondo privado de pensións, mentres defenden o sistema público de xubilación. Pecado que se converteu en mortal ao estar xestionado por unha SICAV situada nun paraíso fiscal. Á xente de esquerdas, como aos gurús relixiosos, se lles supón unha superioridade moral a proba de tentacións terreais. As dereitas votan xestores que, como no mundo empresarial, é natural que cobren algunhas comisións polas xestións realizadas. Non son guías espirituais que van guiar a humanidade cara a un mundo mellor, senon meros intermediarios entre o poder económico e os seus representados, mandatados por catro anos para intentar buscar solucións concretas a problemas concretos.

Por iso cando un Willy Meyer é pillado en falta doe máis ás persoas que o seguían que cando salta a noticia de que determinados altos cargos do Partido Popular cobraron sobresoldos en sobres, presuntamente, durante os últimos anos. O primeiro parte o corazón, pola sensación de impotencia e de que “xa non queda nin unha cuarta de terreo limpo“. O segundo parécenos o máis normal do mundo.

Neste momento prepárase para as eleccións municipais unha candidatura auspiciada por Ada Colau, chamada “Guanyem Barcelona” (Gañemos Barcelona) que pretende o apoio das forzas de esquerda tradicionais, dos sindicatos e dos movementos sociais e veciñais, nun intento de rexenerar a política municipal dende a base, dende o empoderamiento cidadán. É máis que seguro que moitas persoas, pretas ideoloxicamente desa idea, observarán con lupa todos os próximos movementos de Ada Colau e que os medios monárquicos, cavernarios e neofascistas están buscando afanosamente calquera pecadiño que puidese cometer, como están a facer con Pablo Iglesias e a súa ocorrencia de ir comprar ao Alcampo.

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *