Un perigo para Europa

Como pode ser un impecable exercicio democrático un perigo para Europa? Europa, ese ente ao que non se lle poden atribuír sentimentos, séntese ameazada cando as persoas —que si teñen sentimentos— queren votar para que se coñeza a súa opinión sobre calquera tema que lles afecta?

Trátese dunha consulta ao pobo grego sobre a aceptación das condicións do rescate, preguntar ao pobo escocés se desexa seguir formando parte do Reino Unido da Gran Bretaña, o devezo dunha boa parte do pobo catalán de votar a relación que desexa co Estado español ou un plebiscito para que o pobo dese mesmo Estado español poida pronunciarse sobre a continuidade da Monarquía ou a apertura dun proceso constituínte para o establecemento dunha República, esa parece ser a conclusión que extraen os líderes políticos continentais —en especial o presidente do Goberno español— do proceso que levou ao referendo celebrado recentemente en Escocia: un perigo para Europa.

Nestes tempos nos que parece albiscarse o nacemento dunha nova civilización, con cambios radicais que abarcan desde as relacións humanas ás formas de produción e consumo —e á destrución ou modificación da brecha establecida entre produción e consumo—, é inevitable que se produzan tensións entre quen desexan perpetuar o vello modo de vida e produción —ese modo de vida e produción industrial, ávido do espolio infinito dos recursos naturais que nos leva irremediablemente ao desastre ecolóxico do planeta, necesitado de guerras debido á escaseza deses mesmos recursos e que xera fanatismo relixioso, por oposición, como refuxio ante o espolio— e as novas formas que abren a porta a un futuro esperanzador, a unha civilización máis sa, razoable e democrática que calquera que coñecésemos na historia.

Mentres en todas as esferas da vida social vanse introducindo novas formas de organización (novas e diversas formas de familia, novos sistemas de organización laboral en empresas de novo cuño, novas formas, linguaxes e medios de comunicación entre os seres humanos, novos modos de educar e socializar aos cativos, novas formas de enfocar a espiritualidade, etc.), os bloques monolíticos do sistema industrial que se desenvolveu até agora, tanto na parte do mundo que se proclamaba capitalista como no chamado socialismo real (que non foi nin máis nin menos que unha forma de industrialismo dirixido desde o Estado), tentan aferrarse á vella orde: empresas, igrexas, escolas, familia, medios de comunicación e Estado deben ser uniformes, sincronizados, concentrados, maximizados e centralizados para que a engrenaxe siga funcionando como o fixo nos últimos trescentos anos. E non hai bloque máis obsoleto que o da vida política. Ningún con menos imaxinación, menos experimentación, menos disposto a un cambio fundamental. A perda dos seus privilexios failles ver perigos por todos lados.

A familia nuclear substituíu á familia extensa e hoxe en día poderiamos encher un amplo catálogo con todos os tipos de familia existentes onde a nuclear é só un tipo de familia máis. As poboacións, concentradas en grandes urbes ao redor das fábricas, empezan a dispersarse de novo cara a poboacións de tamaños máis humanos. Dinosauros empresariais —como, por exemplo, IBM— viron a necesidade de fragmentarse en unidades máis pequenas ou desaparecer no seu intento de crecemento infinito. Por outra banda, os “expertos”, que se foron apropiando de todos os postos clave de toma de decisións, anulando incluso o poder de decisión dos propietarios dos medios de produción en moitas empresas, xa non gozan da aquiescencia das poboacións que empezan a sospeitar que estes actúan condicionados pola miopía do beneficio propio. En escolas e hospitais, por exemplo, a cidadanía esixe cada vez máis espazos de participación, conscientes de que non necesitan ser expertos para saber o que desexan para a súa saúde ou para a educación dos seus fillos. Unha persoa non necesita ser experta en urbanismo para saber que prefire un parque público con árbores en lugar dunha praza de cemento proxectada por un experto arquitecto. En canto á enerxía, conscientes da finitude dos combustibles fósiles, estamos a diversificar a obtención de enerxía desde fontes dispersas da mesma e experimentando coa procura de novas fontes renovables que se poderán aplicar a distintas necesidades: desde placas solares nos tellados para quentar a auga das casas, até a utilización dos residuos da enerxía eólica para xerar hidróxeno ou a freada dos automóbiles sobre unha superficie de caucho para xerar enerxía eléctrica.

En todos os ámbitos téndese, amodo, cara a unidades máis pequenas e diversas de actuación interconectadas en rede, tal e como funcionan as redes informáticas. Tamén as nacións senten esa necesidade en contraposición á maximización que propón o antigo réxime. Unións económicas a gran escala, con ansias de se converter en unións políticas, contraponse a desexos de independencia e liberdade de decisión, en maior ou menor medida, en lugares como Escocia, Catalunya, Galiza, Córsega, Irlanda, Porto Rico, Quebec, o Sahara Occidental, o Tíbet, Sudán do Sur, etc. Ante a ruptura da sociedade de masas, os ideólogos do vello réxime, substituíndo a causa polo efecto, falan de “balcanización debida ao egoísmo das minorías”, en lugar de ver nesta enriquecida diversidade unha oportunidade para o desenvolvemento humano, “pois o crecente activismo das minorías non é o resultado dun súbito acceso de egoísmo; é, entre outras cousas, reflexo das necesidades dun novo sistema de produción que esixe, para a súa existencia mesma, unha sociedade moito máis variada, colorista, aberta e diversa que ningunha de cantas coñecemos xamais”.

Obviamente, todos eses movementos xeran resistencias moi fortes. As maiores esixencias de control cidadán sobre os alimentos, a saúde, a educación, a enerxía, a forma e tamaño do Estado, os límites ao poder das corporacións e a democracia directa e participativa teñen a súa oposición nos intentos de maximizar o control e a uniformidade, a eliminación de regulacións en beneficio das empresas e non da cidadanía. O feito de que algunhas empresas cambiasen o seu modo de actuar, de que, mesmo, incluísen programas sociais ou que midan o impacto ambiental e social das súas decisións, non sucedeu por un súbito espertar nas “conciencias” dos seus dirixentes, senón pola presión de membros activos da sociedade sobre o seu desmedido afán de lucro. Un exemplo desta feroz oposición ao cambio atopámolo nas negociacións secretas entre Europa e EEUU para asinar un Tratado de Libre Comercio (TTIP) que persegue, basicamente, que o “beneficio esperado” estea por riba de calquera lei ou Constitución, de calquera consideración legal, social ou humana. É unha reacción do mastodonte financeiro-industrial ante a ameaza de que as súas anticuadas formas de actuación o leven á desaparición, unha fuxida cara adiante baseada na falacia do “progreso” entendido como “crecemento infinito” nun mundo con recursos finitos.

Todo isto non son ideas miñas. Escribiunas, moito mellor ca min, Alvin Toffler no seu libro “A terceira onda”, publicado en 1980, no que, xogando coa metáfora das mareas que chocan, describe a historia da humanidade en tres ondas: a revolución agrícola, a revolución industrial e a era da información ou terceira onda que sería a que estamos a comezar a xestar desde a década de 1960. E aínda que persoalmente non estea de acordo con todo o que afirma Toffler, especialmente no que toca á cobiza humana e a que todo isto sucede baixo unha forma “mutada” de capitalismo (cuestión que lle quita á teoría gran parte do que ten de revolucionaria ou de cambio de paradigma), si quedo cunha idea: a de que a presión das mareas está a conformar amodo un mundo mellor, erosionando as duras rocas monolíticas do industrialismo. Algo no que os pobos do Estado español son pioneiros coas súas “mareas” pola educación, pola sanidade, polos dereitos das mulleres, pola defensa do público, por unha maior democracia participativa.

Será difícil e debemos esperar actos de violencia tendentes a defender o status do vello réxime. Dependerá da rixidez ou amplitude de miras das elites gobernantes, de se o cambio acelérase coa ameaza de colapso económico, de se existen ameazas militares, etc. Ademais, igual que aínda coexisten sociedades agrícolas con outras en proceso de desindustrialización, Repúblicas con Monarquías e ditaduras militares, Condes e Duques con tecnócratas, é de esperar que este proceso non se dea ao unísono en todos os recunchos do globo. Tamén será necesario que xurdan persoas con visión clara, que saiban diferenciar entre “novidades” puramente maquilladoras de vellas formas de organización e aqueles cambios que realmente pertencen a unha nova forma de pensar e actuar. Sobre todo será necesario que esas persoas lúcidas saiban e poidan transmitir esa visión ao resto da sociedade.

Segundo Toffler, para que os cambios poidan sucederse, teremos que eliminar os estereotipos acumulados da Era da segunda onda e reconsiderar a vida política con arranxo a tres principios básicos da terceira onda: o poder da minoría, a democracia semidirecta e a distribución de decisións.

O poder da maioría, o da sociedade industrial de masas, xa non ten cabida nas novas sociedades desmasificadas. É a minoría a que conta. No canto dunha sociedade altamente estratificada, temos sociedades configurativas, sociedades-rede: sociedades nas que miles de minorías se arrexuntan ao redor de pautas novas, ás veces de forma transitoria, e a micro-intereses que dificilmente abarcarán ao 51% da poboación en xeral. Xa non podemos permitirnos delegar un poder total en ninguén e non podemos tolerar que minúsculas minorías (elites e expertos) tomen decisións que tiranicen a todas as demais minorías. O voto xa non pode circunscribirse a un si ou un non, ou a delegar nunha maioría parlamentaria as decisións que sobre nós tomarán durante catro anos. As ferramentas de toma de decisións, colaborativas e participativas, existentes xa na rede permítennos ser consultados continuamente sobre os temas máis diversos, sobre preguntas complexas. Dentro dunha xeración, en moitas sociedades practicamente non haberá analfabetos tecnolóxicos e o manexo de dispositivos de comunicación conectados á rede non será un enigma para ninguén. Tamén os partidos políticos, reflexo político da comercialización en masa, deberán cambiar as súas estruturas por outras máis modulares. Un exemplo aínda primitivo —aínda que probablemente pioneiro— témolo nos Guanyem/Ganemos/Mareas que buscan alianzas na base, á marxe dos partidos políticos tradicionais se é necesario, aínda que sen negar ningunha posibilidade, para conseguir maiorías —neste caso municipais— partindo da unión de diversas minorías. Ou na utilización das tecnoloxías xa-non-tan-novas por parte de Podemos ou do Partido X para a toma rápida de decisións sen necesidade de convocar asembleas de barrio cada dous por tres. As posibilidades son múltiples. O poder establecido ten xa perdida a batalla por suprimir e sufocar ás minorías que están a xermolar. Tarde ou cedo terá que permitir o cambio cara a unha democracia do mañá baseada nunha fusión do goberno da maioría co poder das minorías.

O segundo principio, o da democracia semidirecta, supón pasar de depender dos representantes a que as persoas nos representemos a nós mesmas. Os representantes, rodeados de cantidades inxentes de lobbies, expertos e asesores, saben cada vez menos das cuestións sobre as que deben decidir. Xa non se representan nin a si mesmos. Ao mesmo tempo, a parálise das institucións representativas produce leis cada vez máis alleas e insensibles ás nosas necesidades. En consecuencia, teremos que facer esas leis nós mesmas. E, loxicamente, para iso haberá que cambiar as estruturas. Aínda que en España temos a posibilidade de expor iniciativas lexislativas populares —posibilidade que non existe en moitos países—, a decisión final queda en mans do Parlamento, dos representantes. As novas tecnoloxías permitirían, por exemplo, presenciar mediante streaming unha sesión dun Concello e votar cun clic de rato ou unha pulsación sobre a pantalla do móbil sobor dos temas de discusión no devandito pleno, fusionando desa maneira a democracia indirecta coa directa e experimentando no ámbito local o funcionamento deste ou aquel sistema antes de aplicalo noutros ámbitos. Isto xa é unha realidade nalgúns programas de televisión nos que o espectador envía comentarios vía Twitter e opina co seu voto a diversas cuestións expostas polo propio programa. Só os límites da imaxinación poden definir os límites da multiplicidade de formas en que podemos abrir e democratizar un sistema que empeza a se esborrallar e no que moi poucas persoas se senten adecuadamente representadas.

Por último, a distribución de decisións é o antídoto á parálise institucional. Para desatascala, a toma de decisións debe darse no ámbito máis adecuado segundo o tipo de problema. Ámbito que, ademais, pode cambiar co tempo. Se a unidade económica básica xa non é a economía da nación-Estado, nin sequera a economía autonómica ou provincial, senón que están a xurdir unidades económicas máis coherentes —por pór dous exemplos próximos, o eixo Vigo-Norte de Portugal ou o corredoiro mediterráneo— ás que, con todo, aféctanlles decisións políticas tomadas polos representantes en Madrid ou en Bruxelas alleos, moitas veces, a esas realidades ou aferrados á súa vella concepción da economía nacional. Non se pode descentralizar a actividade económica, as comunicacións ou a distribución sen descentralizar tamén a toma de decisións. É absolutamente necesario atopar alternativas ao FMI e o Banco Mundial, así como revitalizar e dotar de contido á ONU, para aquelas decisións de ámbito planetario. E descentralizar os ámbitos de toma de decisións en función da zona xeográfica ou grupo humano ao que afecta un problema concreto.

Hoxe en día, a aparencia de loita política é a que se dá entre partidos supostamente antagónicos que loitan entre si para obter unha ganancia inmediata pero que, en realidade, suman as súas forzas para se opor ás novas forzas políticas da terceira onda e preservar a agónica orde industrial, incluíndo aos partidos de esquerda que preconizan un “crecemento sustentable”. Pero a degradación económica do planeta, a deriva da sociedade industrial cara a un poder absoluto das corporacións, a paulatina disolución da familia nuclear ou os cambios cara a formas non colectivas de educación esixen o cambio da sociedade industrial por outra. Incapaces de ver máis aló do que temos diante e de fuxir definitivamente da educación recibida, a maioría das persoas temos un pé nun lado e outro pé no outro. Por exemplo, persoas que se consideran a si mesmas innovadoras quedan petrificadas ante a suxestión de que a nosa Constitución ou as nosas estruturas políticas están anticuadas e necesitan unha profunda renovación.

Tipicamente, os defensores da segunda onda loitan contra o poder das minorías; desdeñan a democracia directa como ‘populismo’; oponse á descentralización, o rexionalismo e a diversidade; combaten os esforzos por desmasificar as escolas; loitan por preservar un atrasado sistema enerxético; deifican á familia nuclear, búrlanse das preocupacións ecolóxicas, predican o nacionalismo tradicional da era industrial e oponse a avanzar cara a unha orde económica mundial máis xusta.

Pola contra, as forzas da terceira onda móstranse favorables a unha democracia de poder compartido das minorías; están dispostas a experimentar cunha democracia máis directa; propugnan o transnacionalismo e unha delegación fundamental de poder. Esixen un desmantelamento das grandes burocracias. Demandan un sistema enerxético renovable e menos centralizado. Queren opcións lexítimas á familia nuclear. Loitan por menos uniformización e máis individualización nas escolas. Conceden alta prioridade aos problemas ambientais. Recoñecen a necesidade de reestruturar a economía mundial sobre unha base máis xusta e equilibrada”.

A loita está servida. Para os dinosauros da sociedade industrial o mero feito de votar é “un perigo para Europa”. Temos que substituír a estes réptiles xurásicos por xentes da terceira onda que empecen a modificar as institucións caducas e as formas de toma de decisión obsoletas por novas formas que eliminen as peaxes que impiden a fluidez de tráfico cara a unha nova sociedade máis democrática e acorde cos devezos e os problemas das persoas. Será unha dura loita contra quen queren beneficiarse do que queda da sociedade industrial. Tamén polo control de quen serán as persoas que dean forma á sociedade sucesora. Nesa súper-loita cada unha de nós desempeñará un papel activo. E ese papel pode ser creador ou destrutor.

A creación de novas estruturas políticas para unha civilización da terceira onda non se producirá nunha soa e climática convulsión, senón como consecuencia de mil innovacións e colisións a moitos niveis, en moitos lugares e durante un período de décadas. […]Se empezamos agora, nós e os nosos fillos podemos tomar parte na excitante reconstitución, non só das nosas anticuadas estruturas políticas, senón tamén da civilización mesma”.

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *