Tes unha bolsa de plástico?

Tes unha bolsa de plástico? Só era unha pregunta. Unha puta pregunta, tío. Pero ti tiñas que te poñer estupendo. Tiñas que te facer o galiño e soltarme o teu discurso de ecoloxista de merda. Pero que criches? Só quería unha bolsa de plástico e sóltasme que se sei que tardan en se descompoñer entre quince e mil millóns de anos. Pero que pasa? inventáronas os dinosauros? Que saberás ti o que tarda unha bolsa en se descompoñer? En seis meses xa case non queda nada. E vas e dismo a min. A min! A min que nacín e medrei nun vertedoiro. A min que antes de chupar da teta da miña nai xa estaba a revolver no lixo buscando cousas que poder vender. A min que antes de destetar xa estaba a cravar canalizacións para deixar saír os gases.

Hostia. Teño que respirar un pouco.

E logo vas e soltas o das tartarugas. E ensínasme ese photoshop no teu merdafone dunha tartaruga coa cinturiña da Jenny, que é anoréxica, cun plástico de lata de cervexa arredor. Parece mentira que sexas tan estúpido. Tes idea de canto tarda unha tartaruga en chegar a ese tamaño? Polo menos cincuenta anos. Existían eses plásticos hai cincuenta anos? É que o tragades todo. Sodes como os putos talibáns eses. Montádesvos a relixión das bolsas de plástico e a comer os miolos aos demais. Pois agora xa te decataches de que a min ninguén me come os miolos. Xúroche que a bolsa non era para ti. Pero buscáchelo.

Carallo como pesas. Pero pagou a pena.

Cando me saíches co da illa de plásticos no Pacífico, o Gran Parche dixeches, xa estaba que botaba fume polo entendemento. Os ghapos non poden mandar uns barcos recoller a súa merda? A xente pagamos impostos para que a merda quede alí. Non? Si, oíches ben, pa-ga-mos. Que pasa, que non pago impostos cando compro tabaco? Pois mogollón. A hostia de impostos pago. E onde van? Aos petos dos putos políticos e a subvencións aos putos ecoloxistas snobs coma ti. Aos que ides contando que un estudo de merda da universidade de non sei onde di que os que se negan a usar bolsas de plástico compran máis comida orgánica. Non te fode! Xa só me faltaba iso. Os que poden pagala, comprando comida orgánica. Que pasa? Que a comida que como eu non é orgánica? Que como, pedras? Mira, xa se ve o vertedoiro. Onde me pariu a miña nai. Alí, no medio de bolsas de plástico. Que me ías contar ti das bolsas de plástico!

Pesas de collóns. Pero xa chegamos.

Así que dime agora, se podes, que conseguistes os snobs coma ti. Direiche eu o que conseguistes. Que os súpers cobren as bolsas dúas veces. Ou crías que antes as regalaban? A xogada perfecta. Xa non dan as bolsas pero seguen envolvendo unha mazá con capas e capas de plástico. Metéronvola dobrada e estades orgullosos. Agora que as cobran xa non contaminan. Non? Ah, non. Que agora as fan biodegradables; esas que rompen con só as tocar. Sabes con que as fan? Con cereais. Puto estúpido. A vosa campaña de merda contra as bolsas de plástico subiu o prezo dos alimentos básicos e agora hai máis xente pasando fame que antes. Pero iso dávos igual, claro. A vós as tartaruguiñas con cintura de avespa danvos moita pena. Pero as persoas morrendo de fame pélanvola. Loitades polo planeta pero en realidade o que vos dá medo é desaparecer vós como humanos. Porque eu dígoche unha cousa. Cando nos vaiamos á merda, que nos imos, os insectos e os escorpións seguirán vivindo e poboando a terra. Somos os humanos os que sobramos.

Bo. Xa estamos. Ala! Ao chan!

Xúrote que a bolsa non era para ti, pero é que me puxeches a mil falándome con esa labia de profe sobre un tema que coñezo coma ninguén. Ao mellor eras un bo tipo e non o merecías. Pero non puiden reprimir o puñazo. E ti tiñas que dar coa testa sobre o bordo. A rañala, rapaz. Isto é a vida real. Non querías bolsas de plástico e agora aquí quedas, enterrado nunha e rodeado de miles e miles delas.

Gostouche?:

Este post tamén está dispoñível en: Catalan Spanish

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *