Somos o 99%

Sigo lendo insultos a Podemos. A eles sumáronse, agora, os proferidos contra Ada Colau. Os trolls teñen moito traballo estes días e pregúntome como poden tomar como unha ameaza a un partido que só obtivo cinco eurodeputados e a outro que aínda non é partido, que probablemente non pretende selo, que non ten présa por construír unha alternativa, cidadá e democrática, dende a base e que está por ver se consegue montar unha candidatura para as eleccións municipais de dentro dun ano.

Recordo que hai uns anos, conversando cun bo amigo, escritor, de Sabadelle, estivemos de acordo en que o problema real era a falta de artellamento dunha sociedade civil capaz de se organizar, tanto para os pequenos coma para os grandes temas. Ese foi o gran triunfo do franquismo: unha sociedade desestruturada como tal. Pero tamén foi a gran mesquindade do felipismo e os gobernos sucesivos, apostando por degradar gradualmente unha escola pública na que non se quería formar cidadanía, senón clase traballadora ignorante e obediente.

Creo que o lobo ao que ven asomar as orellas (aínda que quizais lles estea a conceder máis poder de clarividencia do que teñen) é que, por fin, un par de xeracións despois, empeza a existir unha sociedade civil artellada a pesar de todos os torpedos lanzados polas marionetas políticas á súa liña educativa. E ese indicio de sociedade civil pódese ver en practicamente todas as partes do mundo: Occupy Wall Street, Primavera árabe, protestas en Grecia, Portugal, Alemaña, Gamonal, Can Vies… xente de idades e estrato social diferentes (excluíndo os ricos e os súper ricos) organizándose de xeito practicamente espontáneo para defender os seus dereitos dos abusos dos que sabían que tiñan o campo libre para aralo, incendialo ou arrasalo á súa conveniencia.

As marionetas políticas clásicas están a vivir unha total incerteza porque non entenden nada. Xa non coan as súas apelacións á transición, a democracia, a constitución, a representación da cidadanía a través das institucións. Cada vez as cren menos persoas. Porque, ao igual que cunha meniña non vale de nada dicirlle que faga isto ou o outro se co exemplo lle ensinamos o contrario, case toda persoa, partido, asociación ou institución que alcanzou unha cota de poder, por pequena que sexa, a espreme no seu beneficio persoal, ou no beneficio persoal da mafia correspondente, ou en ambos os dous beneficios persoais.

Hoxe en día temos máis movementos sociais, asociacións e plataformas que durante a tan aclamada transición. A maioría da cidadanía non tiña idade para votar a constitución, esa que tan inamovible parece agás cando o Cánovas e o Sagasta do século XXI se poñen de acordo en que o pagamento da débeda, sen entrar na lexitimidade desta, está por enriba de calquera outra consideración constitucional, sobre todo calquera que poida ulir, aínda que sexa de lonxe, a economía do ben común. Esa maioría cidadá, cada vez máis ampla, que non votou a constitución, que non puido expresar os seus desexos en referendo sobre a proclamación do rei Disney ou á que non deixan expresar nunha urna, no caso dos cataláns, que futuro queren para a súa terra, vai quitando pouco a pouco a venda dos ollos, vaise decatando de que os políticos, alomenos os que nos tocou sufrir deica agora, son meros intermediarios dos desexos dos grandes capitais especuladores, pero que só cambiando a correlación de forzas nos parlamentos poderá intentarse, polo menos intentarse, poñer freo á voracidade sen límite dos que nunca creron realmente na democracia se esta non servía aos seus intereses.

Só as sociedades con conciencia de selo (ao igual que é necesaria unha conciencia de clase ou unha conciencia de xénero) son capaces de xerar proxectos ilusionantes, opcións de vida, sangue novo que nos saque desta diálise adormecedora. Empeza a haber algo diso, empeza a haber mareas que flúen e conflúen en puntos de encontro. Pero necesítase máis. É necesario que aquelas persoas que se proclaman desencantadas se decaten de que rematou o esperar a que nolo dean todo feito, pois ese é, precisamente, o xerme da corrupción.

Ser unha cidadá consciente é esgotador, pois esixe compromiso; é difícil, pois esixe estar alerta ante a manipulación. Pero é, á vez, agradecido, pois nos permite ter a agradable sensación de levar, entre todas, as rendas da vida política e social das vilas e cidades que habitamos.

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *