Pedro Sánchez

Vaia onde vaia, mire onde mire, non podo evitar encontrarme coa súa cara. Pedro Sánchez. Cáeme mal. Ten ese aire de snob que estudou un MBA nunha escola para executivos do Opus Dei e só por iso xa non podo outorgarlle a máis mínima credibilidade. Pensade que todos os culpables da crise (e escríboo en masculino porque a apisoante maioría son homes) estudaron un Master Business Administration nalgunha das institucións herdeiras de Milton Friedman e dos seus Chicago Boys. Se non sabedes quen foi Milton Friedman e que influencia tivo sobre o que nos acontece hoxe en día, recoméndovos a lectura do libro “A doutrina do shock” de Naomi Klein. Se vos dá preguiza ler o libro, podedes ver o documental baseado neste.

O Gran Liquidador do que queda do PSOE, o Sepultureiro en palabras de Rafael Reig en eldiario.es, afirma publicamente que pretende recompoñer un partido que perdeu un millón de votos por ano nos últimos seis. Significa iso que no seu partido efectuaron un exercicio de autocrítica, escoitaron a voz das rúas, captaron a mensaxe e a partir de agora, tras a contrición pertinente, obrarán en consecuencia?

Vexamos cales son as súas “receitas” para conquistar os corazóns dos que se senten de esquerdas e deixaron de quererse coas cúpulas dos que supostamente representaban a esquerda sensata, a esquerda con maiúsculas: abaratar a contratación o primeiro ano, subir o IVE, subir os impostos ao tabaco e o alcohol, crear unha Oficina Antifraude no Ministerio de Economía para perseguir a economía mergullada, desvalorizar o euro e seguir rescatando os bancos a través do Fondo de Garantía de Depósitos.

Facemos un repaso rápido a estas medidas?

A ninguén se lle escapa que abaratar a contratación o primeiro ano levará ás empresas a contratar persoas no paro e despedilas xusto pasado un ano para contratar outras persoas subvencionables. Fai falta ser economista para chegar a esta conclusión?

Subir o IVE aínda máis conseguirá un descenso na recadación de impostos polo consecuente descenso no consumo das familias (deixando de lado o pouco socialista da medida, xa que paga o mesmo IVE quen dispón de millóns de euros que quen sobrevive a duras penas con 400). Esa foi a consecuencia da última suba e por iso o FMI e o BCE premen ó goberno (sexa do signo que sexa) para que o suba aínda máis.

Subir os impostos ao tabaco e o alcohol é unha medida imaxinativa; a ninguén se lle ocorrera antes. En todo caso, despois virá o aumento de impostos aos hidrocarburos. Para que vos fagades unha idea, se é que non o sabiades, o tabaco está gravado cun mínimo dun 60% do prezo medio ponderado de venda polo miúdo, máis un 21% de IVE. Un 81%? Non. Case un 94% porque o IVE aplícase tamén sobre o imposto especial.

Sigamos. É posible que alguén aínda crea que Pedro Sánchez quere loitar contra a economía mergullada (a cutre, a dos pobres, a de catro cadelas) e que anunciar a bombo e prato a creación dunha Oficina Antifraude no Ministerio de Economía é unha boa medida. E eu pregúntome: que fará Pedro Sánchez coa ONIF xa existente? Cambiaralle o nome? Ou ignora que existe?

Desvalorizar o euro non é unha competencia do Estado Español. Os Estados membros da Unión Europea perderon unha parte da súa soberanía cedendo esa competencia ao Banco Central Europeo, un organismo cuxa misión consiste, basicamente, en frear a inflación e en prestar diñeiro moi barato aos bancos (non pode prestar aos Estados directamente) para que estes llelo presten aos estados, empresas e particulares cobrando intereses de usura.

En canto ao rescate dos bancos e ao pagamento preferente da débeda (por enriba de calquera outra consideración, que para iso fixeron unha reforma expresa, e a traizón, da Constitución entre os dous partidos alternantes), a través do Fondo de Garantía de Depósitos, dáme a risa (por non chorar). O Fondo de Garantía de Depósitos está en números vermellos; non garante nada. E o pagamento preferente da débeda inclúe a débeda indigna (aquela que contrae e se permite contraer malia saber que pode ocasionar serios problemas á economía) e a débeda odiosa (un pobo non é responsable da débeda contraída por gobernantes impostos pola forza ou cuxos fins sexan o enriquecemento persoal ou corporativo, ou a represión social ou política). Todos sabemos que antes da crise o Estado Español tiña superávit e que se incorreu posteriormente nunha débeda equivalente ao 100% do PIB para rescatar bancos e caixas que se converteran en quioscos financeiros e para pagar a constante esmorga na que viven determinadas castas políticas, familias reais e empresas-mafia cuxo obxectivo é lograr o máximo beneficio con cero inversión e a costa dos cartos que paga a xente en impostos. E non esquezamos que este personaxe estivo persoalmente implicado na estafa monumental de Bankia, que votou a favor dos soldos estratosféricos dos directivos e despois votou en contra de investigar as causas da quebra financeira.

Se a alguén aínda non lle quedara claro que papel xogaba o PSOE no teatro de monicreques da política española, con estas declaracións, e sabendo o que sabemos, tería que facerse algunhas preguntas. Porén, o medo segue sendo o perfecto aliado desta chusma que se fai pasar polo bo pastor das clases traballadoras, co único obxectivo de facer carreira política, deixando ós seus seguidores na mesma situación miserable para ter sempre clientela (Cariño, que contento/a estou de que te elixisen secretario/a xeneral! O próximo é presidente do goberno ou vogal no Consello de Administración da Telefónica?). Esa é, polo menos, a táctica que lles funcionou ata agora. Eses fillos de clase alta que adoptan o papel de “repartidores” no xogo da “redistribución da riqueza” cuxo único desexo é ter nas súas mans a billa do Estado do benestar e decidir quen é o obreiro bo que reúne méritos abondo para recibir unha porción de “redistribución“. Pedro Sánchez é un deses burguesiños con conciencia que lamentan a pobreza xerada polos “fallos de mercado” na máis pura ortodoxia capitalista liberal da que maman todos os MBA do mundo.

E, por suposto, faltaba a descualificación de Podemos e de Esquerda Unida utilizando a palabra “radicalismo“. Pedro Sánchez é sólido e crible, non radical (é dicir, sen raíces nas bases). Non obstante o sepultureiro non é consciente (ou quizais totalmente consciente) de que por esa vía o PSOE vai seguir perdendo un millón de votos (ou máis) cada ano que pase. E eu alédome. As opcións alternativas que están a xurdir non contan co PSOE para organizar frontes cidadáns dende a base (Marea Atlántica en Coruña, Guanyem Barcelona, Ganemos Madrid, Ganemos Córdoba…) porque o PSOE non conta coa base, coa raíz, nin sequera coa súa. Como bos xacobinos, o seu lema é “todo para o pobo e polo pobo… ” pero sen contar co pobo.

Haberá que seguir de preto ás diferentes mareas que desexan construír candidaturas populares nas eleccións municipais, dende unha premisa: que os municipios son o órgano de poder máis próximo á cidadanía. Unha cidadanía cada vez mellor informada e, sobre todo, máis consciente de si, menos alienada e en disposición de tomar as rendas do seu destino, empezando polos seus propios concellos e continuando por…

 

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *