Ola mundo!

Aínda que a habitual miopía humana cara ó que é inmediato, impídenos entendelo por completo, si podemos intuír que vivimos uns tempos nos que o novo pugna por nacer e o vello loita ferozmente por non morrer, se me permitides a analoxía gramsciana cun parto.

O problema desta ecuación radica en que o novo aínda non sabemos que é. Así como en tempos pretéritos as clases que pugnaban por substituír ó vello réxime tiñan un cume ó que chegar (dereitos humanos, república, socialismo…) contaminados desa cegueira mental, desa toleada chamada progreso, hoxe atopámonos con que xa temos identificadas as causas que nos impiden avanzar como humanidade libre, realizada e verdadeiramente racional, pero ningunha das solucións propostas dende o altermundismo, dende as teorías do decrecemento, dende a nova teoría monetaria, dende o feminismo ou dende o ecoloxismo semella chegar ó consenso necesario como para ser tomada por bandeira.

Quizais, tamén porque o noso encistado eurocentrismo impídenos ver e entender solucións que son válidas para outras partes do planeta sen pasar polas grandes ideoloxías, senón pola máis inmediata e elemental necesidade de comer, de evitar que lles quiten a auga e as terras de cultivo en nome do sacrosanto deus da economía global. Porque ese é, e non outro, o problema principal da inmensa maioría da humanidade. E os europeos deberiamos asumilo como noso.

Aféctanos, aínda que non as vexamos, a explotación intensiva do litio en Bolivia, do coltán no Congo, do ouro en Papúa-Nova Guinea, do petróleo alí onde poidan resgar uns barrís. En definitiva: a explotación intensiva da natureza, nunha carreira absurda das elites dominantes cara ao suicidio colectivo da especie humana, baseada nunha cobiza irracional que xa nos levou a un cambio climático posibelmente irreversíbel.

Cando esteamos todos nos ósos e no planeta só queden cascudas e escorpións, a quen lle importarán as stock options, os futuros e os derivados? Certamente, se non somos capaces de anular e reverter de inmediato, entre o 99% das persoas, a cultura do extractivismo salvaxe e da especulación sobre as materias primeiras e os alimentos, o modo de produción capitalista, certamente, rematará algún día, pero ese día arrastrará cara á súa tumba a toda a humanidade.

Agora tócanos axudar activamente ao parto diso novo descoñecido. Dá igual que só levemos a toalla. É necesaria a participación de todo o mundo alí onde lle caia máis preto: unha asociación de veciños, unha cooperativa agrícola, un partido político ou un sindicato, unha asemblea do 15 M, un mercado solidario, un banco de alimentos… é necesario que axudemos a que o bebé se coloque axeitadamente para o parto, que a nai estea cómoda e atendida, que as persoas con responsabilidades sanitarias teñan a visión clara, o pulso firme e unha información completa sobre as condicións do embarazo.

Todas temos algo que achegar no nacemento dunha nova sociedade civil mundial máis igualitaria e temos o deber de facelo se queremos que os nosos fillos e fillas, as fillas e os fillos da humanidade, teñan posibilidades dignas de perpetuar a especie.

Gostouche?:

One thought on “Ola mundo!

  1. Eu, pola miña parte, optei por unha reconversión persoal anti-consumo. Penso que se moitas escomenzamos por aí, o mundo aínda se pode salvar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *