Morreu

Chegou á fin do camiño.

Morreu.

Ollei atento por ver se o seu espírito saía voando cara ó ceo.

E non vin nada.

Pero noteino.

Notei que se repartira en centos de anacos polo universo.

Un deles, moi grande, estaba dentro de min. Outro, máis grande aínda, dentro da compañeira que foi, que é, que será. Da compañeira de vida. Tan xunta, que se converteu nunha soa vida. E vin que dentro da miña irmá habitaba outro anaco inmenso do seu espírito. E dentro dos seus netos dous anacos grandes como dous amores eternos.

Outros, de tamaños diversos, foron parar dentro doutra xente.

Dentro de todas as persoas nas que deixou pegada vive un espírito amable. Amable porque non pode ser máis que amado. Un espírito livián, que non pesa, pero que non é lixeiro.

Chegou á fin do camiño.

Morreu.

E agora seguirá camiñando apoiado no caxato dos nosos pés. Seguirá falando coas nosas palabras, brindando cos nosos brindes, amándonos desde dentro.

Seguirá sendo, en nós, pura poesía.

Nalgúns será só un verso. Noutros unha oda completa á vida. Poesía pura feita a base de terra e de madeira. De arado e de garlopa. Versos e versos pegados con cola, rimando co verniz das boas persoas.

Morreu.

Ficou en nós.

Agora temos que ser quen de non deixar marchar o seu espírito.

Gostouche?:

Este post tamén está dispoñível en: Catalan Spanish

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *