Luces nos dentes

Ninguén o viu saltar na noite cega, ninguén viu o seu sombrío corpo medio nu e lacerado sumíndose na escuridade, afastándose do valo, os focos, os ladridos, os gardas e os seus golpes de porra. Mareado e ensanguentado, arrastrouse buscando o mar tal como lle indicaran. Busca o mar. Preto do mar atoparalo.

Viña do sur. Dos mangleiros pantanosos, da malaria e do ébola coroado como novo rei da morte solitaria na cuneta. Viña do patio traseiro, do vertedoiro, da cidade con nome sen futuro, disposto a encontrar aquel ceo terreal no cal todo o mundo ten luces nos dentes.

A verdade é que non sabía como conseguira saltar os dous valos sen que ninguén o vise. Recordaba ter collido carreira, trepar e saltar, trepar e saltar. Nin sequera notara os cortes das concertinas por todo o corpo. Separárase do grupo un centenar de metros, esperara acazapado -máis por medo que por cálculo estratéxico- un longo tempo e, cando se decidiu, trepou e saltou e apareceu ao outro lado.

Intentaba escoitar o son das ondas, pero só oía o da súa propia respiración. Máis forte que o barullo procedente do valo que deixaba ás súas costas. Tiña que atopar o mar. Polo tanto, cara embaixo. Enganchado ás paredes dos edificios, afastándose dos farois, deténdose con cada ruído, agachándose ao pasar preto das portas e as ventás, podía ulir o seu propio medo. Ata que encontrou un lugar, tan escuro como calquera outro lugar, e alí, sen preámbulos, quedou durmido.

Un raio de luz amable e cálido sobre as pálpebras sacouno dos soños de soldados e guerrillas. Tardou un anaco en ter conciencia de si mesmo, mentres os fragmentos de imaxes residuais se evaporaban lentamente. E entón si. Entón empezou a escoitar un murmurio e os seus sentidos notaron a presenza de máis homes ao derredor. Un intento de movemento provocoulle unha dor profunda no costado. Outro e unha dor máis intensa. Abriu os ollos no momento xusto en que unha bota enorme chocaba contra a súa cara.

Sobrepoñéndose, recordando como chegara ata alí, deu un salto poñéndose de pé e botou a correr sen saber cara onde ía. O sabor metálico do sangue nos beizos, un olor salgado no nariz, un ruído rítmico que viña de diante e un choque repentino contra unha masa de auga que o fixo caer. Detrás seu berros de ira e odio nun idioma incomprensible. Púxose a nadar. Proían as feridas.

Pero tantos días sen comer deixárano sen forzas. Ficou quedo. Intentou flotar sen se mover para recuperar o alento. Un asubío pasou moi preto del e foi estalar na auga. Virou cara á costa. Uns cantos homes de uniforme apuntábano cos seus fusís de pelotas de goma. E os asubíos repetíanse cada vez que disparaban.

Intentou nadar de lado para se afastar dos asubíos, pero estes seguíano alá onde ía. Estaba sen forzas. Xa tragara auga. Afundíase. E non sabía que facer.

Entón viuno. Detrás dos homes de uniforme, enchendo case todo o campo visual, un home e unha muller cun neno pequeno nos brazos —brancos todos eles, con brancas luces nos dentes—, miraban o horizonte dende o xardín dunha casa na que poderían vivir cinco familias enteiras.

Parecían tan reais naquela inmensa fotografía que o home pechou os ollos para celebrar intimamente o seu achado. Vírao. Atopárao.

Gostouche?:

Este post tamén está dispoñível en: Catalan Spanish

2 thoughts on “Luces nos dentes

    • Muchas gracias, Don Nadie. Además, creo recordar que la publicación de este pequeño relato coincidió con cierto aniversario. Una feliz coincidencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *