Gaza

Levo moitos días calado porque o que vexo, Gaza, déixame estupefacto, faime perder a esperanza, unha vez máis, nunha humanidade capaz de convivir en paz e reafírmame nos aspectos perniciosos dunhas relixións que, sempre, utilízanse como escudo para a barbarie humana.

Aínda que formalmente a Lei do Talión xa non rexe no ordenamento xurídico israelí dende a compilación do Talmud, o certo é que, como toda norma relixiosa aprendida dende a infancia, sobre todo no seu aspecto disciplinario, está imprimida no corpus persoal do que un dá “por descontado“, nos comportamentos automáticos ante diversas situacións.

Para o sionismo, entre outras cousas unha forma de puritanismo, a lei do talión segue vixente. Xunto ao seu perenne vitimismo, baixo o que pretenden lograr a súa lexitimación social e política, e ás acusacións de antisemitismo contra toda persoa que critique o seu modo de proceder, conforman o modo de proceder dos que se senten elixidos polo Deus que comparten co islam e o cristianismo.

O vitimismo sionista sitúa a Israel como a vítima, lexitimando a usurpación, asentamento e expansión dun Estado creado e baseado na explotación do holocausto, sen importarlle o padecemento e sufrimento do pobo palestino, lexitimando as mesmas ou peores prácticas ás que foi sometida a comunidade relixiosa xudía, xunto a outras comunidades ou grupos, tales como os xitanos, os homosexuais ou os sospeitosos de ser comunistas ou anarquistas. Con ese vitimismo pretenden acalar as críticas ao seu inaceptable, bárbaro e moralmente indefendible modo de proceder. Algo que conseguiron entre certos lobbys norteamericanos que premen ós seus sucesivos gobernos para que apoien ó seu bando na súa guerra contra o terrorismo.

Por outra parte, arróganse en exclusiva como receptores do antisemitismo. Recordemos que non só eles son semitas: sono tamén os palestinos, os árabes e, en xeral, todos os pobos que usan unha lingua de orixe semítica. Estas aparecen no Xénesis, no relato do “diluvio universal“, onde aparece “a táboa dos pobos“. Polo tanto, o termo semita non se refire a unha etnia, se non a unha familia de pobos que falan unha lingua baseada nun tronco común. Ao igual que os seus torturadores fixeron co termo “ario” no primeiro terzo do século pasado, os sionistas arrogáronse en exclusiva o termo “antisemita” e a pesar de que na actualidade, xustamente co fin de evitar confusións en referencia a outros pobos que falan linguas semíticas, prefírese a utilización doutros termos para se referir ao odio ou o racismo contra os xudeus, conseguiron tal arraigamento na linguaxe común que mesmo a Real Academia Galega (“ideoloxía, actitude hostil cara ao pobo xudeu“) ou a española (“inimigo da raza hebrea, da súa cultura ou da súa influencia“) manteñen aínda o equívoco nos seus respectivos dicionarios.

Pero debemos ter moi claro que non todos os xudeus son sionistas. A represión interna das voces discordantes en Israel é tan férrea como a determinación do réxime de apartheid de exterminar ós palestinos. Só o 41% da poboación vota. En Tel Aviv só o 27%. As enquisas definen como xenófoba un 52% da poboación. E tamén en Israel se deu unha réplica de movementos como o 15 M ou Occupy Wall Street. Só que en Europa xa non se fala diso. Como en todas as partes, a sociedade xudía non é un bloque monolítico e, como en todas as partes tamén está suxeita á manipulación informativa dos seus poderosos e á educación para o odio dende a infancia. É tal a arrogancia dos sionistas que pretenden aplicar a censura de guerra a todo o mundo: publicar imaxes de vilas e cidades devastadas en Gaza, significa ser voceiro de Hamás, participar dun casting e dunha selección de escenarios ao ditado dos intereses de Hamás e quen se atreva a facelo será merecedor dun severo tirón de orellas, como lle aconteceu a Yolanda Álvarez, correspondente de TVE en Gaza. Non obstante, abonda unha busca en YouTube para atopar vídeos de persoas de relixión xudía, tamén ortodoxas, indignadas co que o seu goberno está a facer coa poboación palestina.

E no outro lado? Os palestinos son uns seres santiños incapaces de matar unha mosca? Non son un inxenuo e hai que estar cego para non ver que Hamás é unha organización de corte militar disposta a usar a violencia contra os xudeus sen pararse a comprobar se a vítima é, ou, non sionista. Non obstante os números son demoledores. Por cada vítima de Hamás, caen centenares de vítimas da maquinaria bélica israelí. As vítimas de Hamás son, na súa gran maioría, militares. As vítimas palestinas son case todas civís: nenos, mulleres e homes. O potencial bélico de Israel, axudado sen límites polo Tío Sam, está a moitos anos luz dos lanzamísiles portátiles de Hamás. Estamos a falar de pedras contra tanques. Estamos a falar de muros da vergoña que impiden o acceso a algo tan básico como a auga. Estamos a falar dunha existencia diaria, antes das barbaridades que vemos estes días en televisión, asfixiante, pasando controis militares para calquera trámite cotián. Estamos a falar de David contra un exército de Goliaths. Estamos a falar de terrorismo de Estado e de Apartheid. E estamos a falar dunhas sociedades occidentais hipócritas que seguen intentando coarnos, a través dos noticieros, a lei do talión, o victimismo e o antisemitismo como xustificacións dunha barbarie que a ningún goberno lle interesa deter porque en Palestina non hai petróleo, diamantes, coltán ou silicio dos que sacar un proveito económico.

#YoNocomproApartheid

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *