Festa!

Subiu ao taxi amarelo e negro a cincuentona parella toledana; chaparros, redondos, de gris traxe gravata el, con abrigo de pelo de coello ela, acompañados dun troley coas medidas xustas para podelo transportar en cabina durante un voo de Ryanair.

—Queren que quite o radio?

—Non é necesario. Así nos decatamos do que pasa en Cataluña. Viñemos mercar un coche de segunda man aínda que a verdade é que non nos atreviamos a vir. Pero como o coche é un choio, ao final decidímonos.

—Por que tiñan medo de vir?

—Home… con todo o que está a pasar cos cataláns…

—O que está a pasar? Quere que lle diga eu o que está a pasar? O que está a pasar é que en Madrid teñen montada unha festa dende hai moitos anos. Unha festa á que non estamos invitados pero pagamos nós. Vostedes tamén, non se vaian crer. E claro, a xente acaba fartándose de ver un día e outro e outro como van entrando os convidados enxoiados á festa, o ben que o pasan cos seus viños caros, os seus puros caros, as súas queridas caras, as súas comuñóns caras, os seus coches caros, as súas viaxes caras… e cando saen van máis enxoiados que ao entrar e cos petos cheos de billetes de cincocentos. Normal que haxa xente que queira marchar…

—Non esaxera vostede un pouco?

—Qué va! Se aínda me quedo curto. Porque a festa non está só na vila e corte. Resulta que onde antes estaba a ruta do bacallau non podían permitir que rematase a festa e tamén montaron a súa propia. Meteron no corpo tanta mescalina de mozos e tanta éxtase agora, que din que ata ven aeroportos sen avións.

—Xa, pero cando hai problemas o lóxico sería xuntarnos todos para buscar solucións —entrou na conversación a muller—, en cambio estes cataláns agarran e din que se van.

—Eu non os culpo. Se eu fose catalán e non cacereño ao mellor pensaba igual que eles. Non ve que non hai solución? Se a festa a montan igual os azuis que os rosados e patrocinada polos mesmos bancos. E aos roxiños déixanos entrar a tomar unha copiña e xa saen máis mansos que os años. Claro que aquí tamén teñen a súa propia festa, un pouco máis culta porque a fan no Palau de la Música, pero festa tamén.

—Entón, para seguir cos mesmos cans, vaia revolución o da independencia…

— “Para facer a revolución, o primeiro, o indispensable, sería degolalos a todos“.

—Que bruto!

—Iso cree? Non lle parece máis brutal estar de festa continua e que esa bacanal a paguen os parados, os desafiuzados, os marxinados, os funcionarios, os enfermos e os mozos que teñen que emigrar porque aquí lles ofrecen cincocentos euros se queren un traballo?

—A verdade é que visto así… ao mellor en Toledo non vemos tanto desas cousas… pero bo, pronto virán eleccións e ao mellor gaña ese rapaz socialista tan guapo e cambian as cousas —dixo a muller.

—Ao mellor ata traen a República —apostilou o home.

—”Se estes trouxesen a República, estariamos peor que agora. Sería cousa de emigrar. Sorte que non hai medo a que a traian. Son moitos os republicanos que non queren que veña a República, porque non lles convén; van moi ben no machito**, facendo a farsa da oposición, servindo de comparsas nesta política repugnante, representando o seu papel de Deputados ou de Concelleiros, ou outros papeis peores…

—Parece mentira, coa cara de bo rapaz que ten…

—”Neste partido non se pode facelo peor para facilitar a vitoria ao adversario e imposibilitar a propia… Estou farto de loitar sen esperanza de salvación entre tanta miseria. Houbo día que pensei meterme na casa e non me ocupar de política. Pero penseino mellor. Vou ir con Pablo Iglesias. El e o seu partido son o único serio, disciplinado, admirable, que hai na España política“.

 

 

Nota: os diálogos en cursiva son fragmentos dun texto de Benito Pérez Galdós publicado no xornal El imparcial o 13 de maio de 1910 sendo deputado da Conxunción Republicano-Socialista (Fonte: WikiQuote). Aínda que o Pablo Iglesias ao que se refire Pérez Galdós non é o actual, quixen xogar co equívoco sen que iso signifique que me aliñe con Podemos. Simplemente quixen recoñecer o labor de Podemos pola súa achega a alborotar o ata agora inmóbil galiñeiro político español e reflectir o que empeza a pensar xente abondo.

** Ir no machito: rexeitar abandonar unha situación cómoda e proveitosa (Real academia da lingua española).

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *