Expulsar ós mendigos

Leo na prensa que o voceiro do grupo municipal do Partido Popular en Tarragona, Alejandro Fernández, anunciou onte que pedirá un censo de mendigos para expulsalos da cidade porque “a maioría” deles “forma parte de mafias organizadas“.

Este señor político manifesta publicamente que “estamos a falar dunha actividade que moitas veces fai unha ocupación ilegal da vía pública e que debería considerarse unha falta grave porque afecta á libre circulación das persoas e á libre actividade económica“. Fernández, a continuación, cita os exemplos de alcaldes como Rudolph Giuliani en Nova York ou García Albiol en Badalona como modelos a seguir.

Perseguir aos desposuídos, agredir a quen ten fame e carece de teito é un dos peores crimes que se pode cometer. É tamén a forma de actuar que resume a traxectoria do ex alcalde neoiorquino Rudolph Giuliani, cobrando ademais, por ese labor, millóns de dólares a gobernos latinoamericanos a través, por exemplo, do multimillonario mexicano Carlos Slim.

A receita de “tolerancia cero” contra a criminalidade do ex alcalde de Nova York Rudolph Giuliani -coa súa empresa Giuliani Partners LLC- comeza “reprimindo aos limpaparabrisas, pintores ambulantes, artistas na rúa, mendigos, prostitutas ou borrachos“, vistos como o primeiro elo da delincuencia común en total acordo coa estratexia coñecida como “ventás rotas“, (James Wilson e George Kelling, 1982) que serve de escusa para desencadear unha guerra contra os marxinados e a favor de poderosos intereses financeiros.

Ao mesmo tempo que reduciu o presuposto de asistencia social nun sesenta por cento, deixou na ruína á cidade de Nova York, ao ocultar, ao estilo Enron, unha débeda de máis de 25 mil millóns de dólares, a maioría dos cales corresponden a compromisos ‘fora de presuposto’, unha cantidade polo menos cinco veces maior que a máis importante bancarrota corporativa na historia empresarial estadunidense “unha profunda crise financeira, que facía necesarios ‘severos recortes’ no gasto de saúde, educación e servizos sociais (sumados aos recortes que o propio Giuliani efectuara), así como incrementos en impostos regresivos para evitar o colapso“.

O propio Giuliani deixa en claro no seu libro Liderazgo que a súa relixión non é outra que a do diñeiro, pois sobre a identidade de Estados Unidos di: “…somos unha relixión. Unha relixión secular…. Estamos unidos pola nosa fe na democracia, na liberdade relixiosa, no capitalismo, unha economía libre onde todo o mundo pode elixir o xeito de gastar o seu diñeiro…“. Os seus valores son a disciplina, o sentido da autoridade e do éxito, sen consideracións sobre a honestidade, a bondade, a xustiza, ou o respecto cara aos demais. Certamente, as consideracións do señor Fernández sobre “a libre actividade económica” por enriba da dignidade das persoas desposuídas, confirma que Giuliani é un modelo a seguir para el.

 

Estas formas de actuar de determinados políticos, cada vez con maior frecuencia, recordan as formas de actuar da mafia. E, se nos paramos a pensar un pouco, chegaremos á conclusión de que as organizacións mafiosas son o perfecto exemplo do que desexa o capitalismo. Iso di, por exemplo, o libro “A balada de Al Capone, mafia e capitalismo” de Hans Magnus Enzesberger (Ed. Errata Naturae).

Al Capone, personaxe moi coñecido, considerábase a si mesmo un empresario que ofrecía á xente o que esta quería (alcohol, drogas, prostitución), un intelixente home de negocios que soubera desenvolver a súa empresa, un benfeitor da sociedade que se preocupaba tamén dos máis necesitados, alguén que facía unha gran propaganda do American way of life declarando publicamente a súa fe nos valores dos Estados Unidos e nas súas institucións.

O profesor Roberto Scarpinato, no seu relatorio “Cara a unha estratexia europea para combater o crime organizado trasnacional” presentada ante o Parlamento europeo, ilústranos tamén sobre esta cuestión: “eles non eran revolucionarios que pretendían traer á xente un mundo mellor, senón seres pragmáticos que miraban polo seu beneficio e que, polo tanto, podían aparecer como a realización máis diáfana do mesmo sistema, homes de negocios decididos que aproveitaban as súas oportunidades. Baixo esa xustificación, instauraron a corrupción a todos os niveis. E conservando o termo democracia para os seus réximes, convertérono en algo moi distinto“.

Seguindo o interesante informe de Scarpinato, podemos ver como a mafia evoluciona á par que o capitalismo, pasando de ser unha rede artesanal de extorsión e venda de produtos ilegais (proporcionando drogas, seres humanos para a prostitución, a escravitude e a explotación laboral, armas e pornografía infantil) a converterse -igual que os grandes especuladores capitalistas- nunha armazón de empresas que proporciona enerxías alternativas, redes de supermercados, medicina privada de alta tecnoloxía, capital de investimento, xestión de residuos tóxicos ilegais e nocivos para o medio, facturación falsa para evadir impostos e facilita a obtención de licenzas e concesións por parte das autoridades públicas, todo iso, por suposto, rexido polas leis da oferta e a demanda. Os criminais comúns que antes manexaban a prostitución local con métodos artesanais son agora man de obra barata das mafias internacionais. O mesmo sucede co tráfico de drogas, ou con negocios que xa non dan tanto beneficio, como pode ser a construción.

O imaxinario colectivo (se é que iso existe), retrata mentalmente os mafiosos como seres ordinarios, groseiros, chulos, de barriada, ignorantes e antipáticos. E non obstante, a realidade é que se trata de persoas amables, impecablemente vestidas con traxe e gravata, cunha vida social á altura das elites e que nunca saen en televisión. Son o espello que reflicte os vicios secretos de moitas persoas comúns, a cara da moeda na que a cruz son moitas persoas “normais“. Simplemente, desexan o máximo beneficio coa mínima inversión. É dicir, o mesmo que calquera empresario.

Hoxe en día non hai fronteira entre capitais legais e ilegais. Estableceuse un capitalismo mixto, constituído pola fusión de ambos os dous capitais, que se está a converter nun compoñente estrutural importante do capitalismo mundial. O común dos mortais, influenciados por determinadas películas, tiñamos a equivocada idea de que a comunidade empresarial era a vítima, con poucas excepcións, da delincuencia organizada que esixía, por medio da violencia e a intimidación, o pagamento de subornos, o emprego de man de obra e a concesión de subcontratos. Non obstante, en non poucos casos, son os auténticos protagonistas, os auténticos “homes bisagra” entre os políticos e a mafia xa que, en caso de opoñerse a esa lóxica do capitalismo, se lles exclúe de obter financiamento público do Estado ou do goberno europeo, ou atopan trabas administrativas que negan a autorización dos pagamentos ou os atrasan ata levalos á quebra.

Scarpinato explícao así: “Os políticos controlan o fluxo de gasto público e das aprobacións administrativas. Os empresarios manexan o acceso ao mercado, os mafiosos lavan capitais ilegais, participan nos negocios e proporcionan a forza física para eliminar os obstáculos que non se poden eliminar con métodos incruentos“.

E todo iso sen necesidade de cambiar formalmente o sistema, convivindo en perfecta harmonía cos sistemas denominados democráticos, colocando os seus homes crave nos Congresos e os Senados para controlar de preto as votacións que lles poden supoñer unha pedra no zapato, persoas altamente educadas, aínda que sen escrúpulos, interesadas na obtención do máximo beneficio persoal dos cargos públicos que ocupan.

Despois destas revelacións, que para moitas persoas poden ser sorprendentes, vemos cunha perspectiva distinta a promulgación de determinadas leis, como amnistías fiscais que permitiron o branqueo anónimo de capitais de orixe ilegal, para evitar que os xuíces e as policías poidan determinar se algún deses capitais era tamén capital mafioso ou reformas no poder xudicial tendentes a diminuír a independencia dos xuíces, cambiando o papel dos fiscais e outorgándolles a potestade de decidir que é axuizabel e que non, e reservando a facultade de investigar delitos ás forzas policiais subordinadas xerarquicamente ao poder político. Se a iso sumamos a recorrente aparición, de cando en vez, de fotografías nas que se pode ver altos dirixentes políticos navegando en barcos de coñecidos narcotraficantes, a ecuación queda definitivamente despexada.

Polo tanto, cada vez que un político efectúa unha afirmación tan brutal como a efectuada polo señor Alejandro Fernández, deberemos preguntarnos cal é a intencionalidade latente que se oculta tras a intencionalidade manifesta, que intereses se acochan tras unhas declaracións diametralmente opostas aos valores de honestidade, bondade, xustiza, ou respecto cara aos demais que proclama a súa publicamente declarada relixión cristiá.

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *