Cobiza

Ao Celler de Can Roca parece que se lle requeimou unha das estrelas Michelin (ou quizais as tres) e aceptou deconstruír a excelencia, esa perfección absoluta da que fan gala na súa web, a cambio do vil e manchado diñeiro da banca.

Refírome á súa —presuntamente— ben remunerada aparición no anuncio que lanzou o BBVA para explicar á poboación, preferentemente (sempre o preferente por diante) catalá, a súa “asociación” con Catalunya Caixa. Un lavado de cara en toda regra.

Pregúntome se o Celler de Can Roca está a pasar por horas baixas e a súa exclusiva clientela xa non acode a degustar a elitista gastronomía do local. Doutra maneira non me explico como eses tres irmáns se prestaron ao finximento, a cambio de cartos, do lavado de cara da banca e dese basto engano (un máis na historia bancaria) que pretende facernos crer que o BBVA se “asociou” cunha entidade nacionalizada tras ser saqueada, saneada con moitos millóns de euros de diñeiro público e, despois, practicamente regalada ao banco menos avaro dos que puxaron na poxa.

Tras o precedente do branqueo de fachada do Banco de Sabadell, en branco e negro, que pretendía inculcar nas nosas mentes unha imaxe de banco serio e intelixente (campaña á que se prestou dende Julia Otero, ata Quim Monzó, pasando por Cesc Fàbregas ou Pep Guardiola, ata os anuncios máis actuais con Rafa Nadal), parece evidente que a cobiza humana non ten límite, que por moitos cartos que un teña, nunca semella abondo e que calquera escusa é boa para obter máis, aínda que esa escusa estea en contra dos “principios” que se manteñen publicamente cando se dispón de micrófonos.

Descoñezo como proba no estómago a comida que se pode degustar no Celler de Can Roca. O que si coñezo é o que me produce a visualización dese anuncio: dáme ganas de vomitar enriba das tres estrelas Michelin. Igual que me deu ganas de vomitar ver un escritor como Quim Monzó, ou unha xornalista como Julia Otero, participar na mascarada veneciana da banca, xustamente nestas épocas de estafas monumentais, de enganos a preferentistas, de desafiuzamentos masivos, de soldos de escándalo para directivos, de tarxetas de crédito opacas, de vivir da teta dos impostos dos que aínda teñen a “sorte” de ter traballo.

Que se presten ao xogo persoas que non necesitan eses cartiños para vivir, ás que se lles supón un cultivado intelecto que lles permitiría decatarse de que os que pagan por participar nesa propaganda son —presuntos— estafadores, só indica que “todo o mundo ten un prezo” e que os ilusos que aínda cremos en que a humanidade ten posibilidades somos só iso: ilusos.

Non obstante, creo que non é certo. Hai persoas que xamais participarían en algo así, que xamais prestarían a súa cara e o seu prestixio ao servizo da mafia por moito diñeiro que lles ofrecesen. Pero non as coñecemos. Porque seguirán sendo honestas anónimas: persoas que fan o seu traballo o mellor que poden sen se vender aos ditados do poder verdadeiro.

É por esa xente pola que paga a pena seguir loitando.

Gostouche?:

One thought on “Cobiza

  1. “Innovar más allá de lo convencional”, este y no otro es el valor -me extraña que no hayan utilizado algo más “anglosajón”, tipo visión o misión- que comparten el Celler y BBVA, al menos según se lee en la página http://elcellerdecanroca.bbva.com/. Allí también sale el avance del documental que, financiado por el banco de marras, se rodó a mayor gloria del Celler, y que según parece se estrenó en la última Berlinale. “Son solo negocios”, que diría el clan Corleone.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *