Célula armada de putas histéricas

Chégame por Facebook a fotografía dunha dilixencia policial que insta a identificar e perseguir ás persoas que subiron un video a Vimeo cuxo título é “Primer comunicado de la célula armada de putas histéricas“. Como terá feito calquera, busquei e visualicei o vídeo para formarme unha opinión. Nel, catro mulleres mozas, ataviadas como un comando terrorista, emiten un comunicado afirmando que “contra a represión [patriarcal], só nos queda a unión, a acción e a autoxestión para destruír o sistema“, finalizando cun slogan: “contra el machito, machete“.

Sorpréndenme algúns dos comentarios ao vídeo na propia web de Vimeo. Son tan violentamente machistas que xa por si mesmos descualifican a quen os emite e cargan de razóns ás rapazas que realizaron a montaxe en clave de humor, reforzando a súa mensaxe.

Pero non son os trolls (moitas veces policías disfrazados de cidadáns correntes tras o anonimato que lles confire a rede) os que máis me preocupan, senón a maioría benpensante que cre que o machismo é algo que pertence ao “terceiro mundo“. Por exemplo, a “moda” que nos relatan os voceiros de violar, e colgar despois dunha árbore, a meniñas da India ou Paquistán. Chéganos unha das máis de 2.500 violacións diarias na India. E esa unha énchenos uns segundos de horror, xusto ata o momento de chegar aos deportes ou á información do tempo.

Non obstante nada máis lonxe da realidade. O machismo, a sociedade patriarcal, é unha realidade en todo o mundo, incluído o mundo “libre“, “moderno” e occidental.

Dous homes novos pasan a noite de esmorga e, cando volven en transporte público á casa, un deles decide que a esa esmorga lle falta algo. Ve unha muller soa, séntase a carón dela, e pronunciando frases tan lamentablemente comúns como “te voy poner mirando pa Cuenca” realízalle tocamentos por enriba da roupa. O outro amigo, que non pode parar de rir ante o graciosa que lle parece a escena, filma todo o acontecido co seu teléfono móbil. Para acabar de arranxalo, un home que intenta separar o agresor da súa vítima, é rexeitado a golpes por este. Consecuencias? Ningunha. O vídeoafeccionado é un membro da Garda Civil, fillo dun concelleiro do Partido Popular en Lena (Asturias), que tras a condena de inhabilitación é indultado polo Ministro de Xustiza.

Ata aquí o relato. O que me parece máis grave é unha frase do concelleiro, o pai, o servidor público, en declaracións a Antena 3: “O meu fillo non ten que pedir perdón porque a señora non o merece, foi a causante deste problema”. Iso é o que pensan moitas persoas, incluída algunha muller: seguro que ela ía provocando, algo faría para que o outro se pasara da raia, etc. Esas mesmas persoas que, se están a ler este post, tamén pensarán que se trata dunha excepción. Non obstante opino que actos como ese acontecen a diario, aínda que non transcenda. E frases como a do pai pódense escoitar en moitos lugares sen que a persoa que as pronuncia sinta a máis mínima vergoña, porque se sente arroupada pola opinión da maioría. E ese é un indicativo claro de ata que punto estamos aínda, malia algún tímido avance, máis formal que arraigado na norma social non escrita, nunha sociedade machista e patriarcal.

As mulleres deben autoxestionar a súa loita. Por suposto. É urxente e necesario que, primeiro, teñan conciencia de xénero e, despois, se organicen e loiten. Pero os homes con algo de consciencia debemos intentar detectar en nós mesmos as actitudes machistas e corrixilas de inmediato. É doado na esfera privada individual. Máis complicado cando nos atopamos en camaradaría unicamente con outros homes.

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *