Casa tomada

Hoxe é 24 de maio e, a estas horas, aínda non puxeron as rúas. Que dicir, pois, das urnas. Máis tarde se verá se se achegan ríos de xente a depositar os seus anhelos, os seus fanatismos ou as súas renuncias na estreita fenda da democracia representativa. Máis tarde se verá se hai colas impacientes ou se a maioría prefire quedarse na casa, saír a pisar herba ou tombarse ao sol na praia máis próxima.

Eu comecei o día relendo un conto de Julio Cortázar: Casa Tomada. Publicouse por primeira vez en 1946, na revista Anales de Jorge Luís Borges e paréceme un conto que describe perfectamente os acontecementos que estamos a vivir dende o 15 M de hai catro anos.

No conto, en resumo, dous irmáns que viven das rendas da terra nunha enorme casa antiga, vanse retirando paulatinamente a sectores máis pequenos da vivenda a medida que esta é ocupada por non sabemos quen (ou que) ata verse obrigados a abandonala e tirar a chave ao sumidoiro. “Non fose que a algún pobre demo se lle ocorrese roubar e se metese na casa, a esa hora e coa casa tomada“.

Encontrámonos, polo tanto, ante dous irmáns, últimos herdeiros dunha familia latifundista, propietaria da terra, que se ven obrigados a repregarse paulatinamente a medida que a súa casa (a burguesía sempre interpretou a súa casa como o seu país) vai sendo tomada. Teñen que abandonar unha parte das súas pertenzas e tamén unha parte das súas actividades. Teñen que cambiar as súas rutinas e as súas afeccións. Todo porque alguén está a tomar, sen violencia, a casa pouco a pouco.

Moitos estudosos do conto considérano unha metáfora do peronismo e do seu empoderamento das clases populares en xeral e dos morochos (mestizos e xente de pel escura que viña do interior) en particular, contra as tradicionais familias oligárquicas que tecían e destecían ao seu antollo os destinos do país. Eva Perón, nun texto chamado “Mi mensaje” elaborado nos últimos días da súa vida, cando xa sabía que ía morrer, deixou escrito: “Eu cheguei moi alto porque ninguén foi capaz de seguir a farsa como a seguín eu“. Considerou que debía xogar o rol de membro da oligarquía para ser capaz de entrar nos seus círculos e nas súas festas e, dese modo, podelos insultar na cara.

Segundo eses estudos, estamos a falar dun empoderamento dende arriba. Un líder nato, un militar, Juan Domingo Perón, aterra unha boa mañá en Ezeiza e xera un mar de ilusións na masa desilusionada que, a partir dese momento, ségueo cegamente, de xeito case fanático (Creo nos fanáticos porque os fanáticos son os que se queiman na súa propia fe – Eva Duarte de Perón – Mi mensaje -1952). Unha masa ilusionada que cre, por fin, que pode “tomar a casa“, ocupar o espazo político que lle corresponde como bloque cidadán. Un espazo político que consiste en votar ao líder e esperar pacientemente a que este teña a lucidez, a honradez e a firmeza fronte ás presións que lle permitan lexislar con xustiza a favor dos máis desprotexidos e necesitados.

Non obstante esta mañá a miña lectura do conto reveloume outra realidade, distinta da de 1946. A casa está a ser tomada, sen violencia, paulatinamente, pouco a pouco. Non hai un líder específico que se interne cunha lanterna e faga un sinal aos demais cando está seguro de que non hai perigo e poden entrar. Ao contrario. Primeiro son unhas poucas as persoas que entran a sabendas de que a casa é moi grande e hai espazo para todos. Despois, ao velo, outro grupo algo máis numeroso decídese a entrar e tomar outro espazo da casa. Falta moito para botalos e, ao contrario que no conto, é esperable un alto grao de oposición, de resistencia e mesmo de violencia. Pero non hai líderes previos. Hainos a posteriori. Unha vez tomada a casa, nas diferentes estanzas hai que organizar a vida, a limpeza, a restauración de avarías e danos. É entón cando a xente elixe, de entre elas, ás persoas que traballarán nas diferentes tarefas.

Esta noite, cando os medios anuncien os resultados electorais, farano en clave de primarias. Pintarán grandes mapas con cores vermellas, azuis, alaranxadas, moradas e verdes e debuxarán queixiños con porcentaxes. Magnificarán os resultados dos dous irmáns do conto e minimizarán os dos que foron tomando a casa. Porque, non nos enganemos, da casa apenas tomamos unha ínfima parte. No mellor e máis inesperado dos casos (Barcelona? Madrid? Santiago?) conseguirase tomar a metade da casa. Na maioría de casas seguirán vivindo os dous irmáns como o fixeran ata agora.

Pero o importante é a conciencia —medrando paseniño— de que se pode tomar a casa, de que os que estiveron a tecer e destecer as madeixas da súa historia terán que se retirar paulatinamente porque a súa historia, a súa casa, a súa cidade, é a de todas e non a exclusiva mansión de dous irmáns incestuosos.

Gostouche?:

One thought on “Casa tomada

  1. En todo caso, el deseo con el que finaliza su texto no dejaría de ser un destello de justicia poética en respuesta a la toma-saqueo de casas, trabajos, bolsillos y vidas de la que hemos sido víctimas los ciudadanos de este país. No sé, pero me da que los hermanos, hoy en día, no serían los rescoldos de la burguesía, sino los de la clase trabajadora. Un cordial saludo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *