Beleza

6:37 Érgome de mal humor. Seica, din, hai unha fase de ira que precede a unha fase de aceptación. Certo será. Pero non semella necesario que morra ninguén para estar de mala hostia. Só hai que botar unha ollada ao mundo para se decatar do feo, sucio, brutal e malvado que resulta todo. O mundo é un vertedoiro e nós os cus que fabrican o lixo.

Malia o mal humor, estou obrigado a ir traballar. Teño que fichar e simular, igual que facemos todas as persoas consciente ou inconscientemente, que o que fago é produtivo e ten algunha incidencia nos índices de felicidade humana. Todo é importantísimo, urxentísimo, vital. Máis se se deixase de facer, seguramente non pasaría nada de nada. Teño os ollos abertos de máis? Ou son o único coche que vai en sentido correcto pola autopista?

8:32 Toda a maquinaria en marcha. Informática a pleno rendemento. Check OK. Backup OK. Nodos OK. Os lusers xa poden sacar fume dos seus teclados escribindo informes a todo ritmo, gráficas baseadas en follas de datos de Excel, memorandos e correos electrónicos. Baixo á rúa no ascensor transparente para botar un pito. Son catro minutos. Cinco se o tomo con calma. A lentitude do fume integrándose de vagar co ar contrasta coas presas da xente camiñando a esquerda e dereita. Algunha persoa pon mala cara ao verme fumar. Eu son unha reliquia do pasado. Fumar non é moderno. O moderno é facer running, co corpo cheo de gadgets que controlan pulsacións, osíxeno en sangue, tempo, distancia, velocidade e variacións de altitude, mentres os alvéolos ben abertos aspiran o fume de autobuses, camións, furgonetas e automóbiles particulares. Todo saudabilísimo.

A ollada reprobatoria obrígame a mirar ao lonxe. Mirar ao lonxe cóbrenos cun aura de intelectualidade. Ben o saben as miopes, moitas veces aínda sen sabelo. Ao lonxe está o monte. Non chega a outeiro. Moito menos a montaña. Baixan unhas nubes grises que o cobren amodo facéndoo desaparecer. Vai chover. Ou algún anxo vai mexar por riba de nós.

O toc toc do Galegram sácame do que prometía ser un fío de asociacións de ideas. Si. Uso Galegram. Son un deses frikis. Unha app galega conectada ao mundo a través do seu irmán Telegram. Mándanme unha noticia. Cae o goberno en Bulgaria pola suba da luz e nós deixando que nos mexen por riba. Penso que non pode ser que todas as persoas ibéricas sexan fans incondicionais do pising. Pasa correndo por diante de min unha muller suorenta co equipo Decathlon completo e o iPhone pegado no brazo. Aquí somos moi guais. Aquí non cae un goberno a non ser que se lle ocorra a toleada de tocar o fútbol.

13:28 Fuxo da horda de lusers para fumar outro pito. Pasoume un pouco o ataque de cinismo. É o que ten deixarse levar polo ambiente. Ser parte do clan. Decreto unha tregua na miña guerra particular contra a humanidade. Desapareceu o monte. Vai caer unha boa treboada. Pero, máis aló da certeza de que vou mollar cando colla a moto, o que vexo é fermoso. Ten forza. E ten plasticidade. As nubes cambiando de forma, chocando entre elas, absorbéndose e separándose, desfacéndose polas puntas e volvéndose compactar. Fáltalle música de Philip Glass para acompañar a escena. Non. De Philip Glass non. O típico músico dun só tema. Como o Pau Donés pero en New Age. Non. O que vexo merece algo de Wagner ou dos Exploited. Unha sacudida sonora.

Un lóstrego ruidoso acompaña á palabra “sacudida” lembrándome quen manda aquí. Á natureza non lle compre Wagner. Pero a min quédame pegada a palabra “fermoso”. Ao cabo é o que nos mantén vivos. A beleza en calquera das súas formas dálle sentido, por oposición, aos traballos inútiles, ao running contaminado, á caída do goberno búlgaro e ao cabreo matutino.

15:19 Outro pito. Dúas horas chovendo. Outro Galegram. Que di o presidente que se chove baixarán as tarifas eléctricas. Pecho o móbil.

Para non chorar, retomo o tema da beleza pero esta vez ligado a min. Son así de egoísta. Venme á mente a imaxe dun libro que lin, en castelán, hai unha morea de anos: “La necesidad del arte” de Ernst Fischer. Aínda o debo ter pola casa. Pero non lembro a que conclusións chegaba. Sei que o enfoque partía do paradigma marxista. Terei que lle botar unha ollada. O fío de asociacións de ideas tráeme á testa unha anécdota, creo que de Krushchev, pero non o sei de certo. Tampouco sei se foi cando visitou os USA ou cando Nixon visitou Moscú. A anécdota di que os dous mandatarios admiraban unha exposición de pintura. Nixon admiraría a destreza dos artistas reflectindo nos lenzos a súa visión da realidade, a súa superioridade intelectual. Entón Krushchev diría algo así como: “algún día non haberá obreiros ou artistas; algún día os homes serán, ademais de obreiros, artistas”.

Penso que ese día xa chegou. Malia ter gañado o capitalismo capitalista ao capitalismo socialista (agás na China) e se converter no único modo de produción posíbel, levando ao mundo a unha destrución segura, coa súa lóxica psicópata de espolio infinito dos recursos para conseguir un aumento infinito das ventas, o certo é que o modo de relacións individualista favorece o enclaustramento necesario para crear arte. Incluso para quen ten que traballar en tres sitios para pagar o aluguer. O punk veunos dicir que calquera podía ser artista. Internet deunos as ferramentas para non ter que ser dependentes da industria máis aló das provedoras de acceso á rede. Milleiros de persoas exprésanse a través da rede de redes. Poetas, youtubers, pintoras, músicas, videoartistas… Persoas ás que xa non lles vale con vivir para traballar.

Nada cambia no ser humano. Pero si hai cousas que cambian na rede social que imos tecendo ao longo dos séculos. A necesidade da arte é real. Precisamos dunha dose de beleza diaria que nos acougue neste longo funeral pola morte da filosofía. Unha dose, por ínfima que resulte, que nos faga crer, durante vinte e catro horas máis, no ser humano. Que nos faga reaccionar. Que nos poña en marcha. Que nos faga sentir vivas; persoas vivas.

A beleza. A arte. O verdadeiro leit motiv da nosa existencia.

Esmago o pito.

 

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *