Andrea

Por que non me deixades durmir? Só quero descansar, deixar de loitar e que siga o seu camiño o curso das cousas. Por que vos empeñades en me torturar, en me furar as veas, en cortarme, en obrigarme a vivir de maneira insoportábel retorcéndome de dor?

Nacín marcada. Nunca camiñei. Nunca falei. Pero os meus pais, Tess e Tono, e os meus irmáns, Claudia e Antón, o pequerrecho Antón, sabían ben que me facían todo o feliz que podía ser. Dábanme amor, acariñábanme sen cansar nunca: peiteábanme, lavábanme, bicábanme sempre. Entendían cando algo me doía. Entendían cando estaba leda e feliz porque eu lles dicía “Aaaaaaaaaaaah“. Non son eu o voso anxiño, sódelo vos para min porque os mortais levamos da nosa estadía na terra o amor que recebemos, e só un morre triste, os cativos tamén, cando non tivo nada de amor na vida. Porque o amor todo o sofre, todo o cre, todo o espera, todo o soporta.

Pero vos, os da bata branca, e os da garabata, vos que desde o voso xuramento hipócrita tedes a batalla da morte perdida, e vos que só entendedes de cartos e de leis, confundides amor con alongar o sufrimento, confundides calidade de vida con cantidade de tempo, confundides os sentimentos cos mandamentos. Sodes tan complicados que eu non vos entendo. Matades un can, ou un cabalo, para que non sufra. Matades xente nas guerras. Matades condenados porque non foron boa xente. Pero decidides por nós coma se as nosas vidas non nos pertencesen.

Decidistes por min, e polos meus pais, obrigarme a comer por un tubo que me fixo sangrar, que me fixo retorcer de dor, que me fixo devolver, que me deu febre, que me fixo máis mal que ben. E vos viádelo. Cada día. E non tivestes a humanidade de vos conmover co meu sufrimento. E non movestes un dedo para me deixar marchar de forma natural, algo que tiña que pasar si ou si. Que era o mellor para min? Vivir máis ou sofrer menos?

Agora descanso. E descansan os meus anxiños queridos. A Claudia cre que agora son un anxo con coroa de debuxos animados. O Antón non se decatou do que pasou. O papá e a mamá choran en silencio. Só desexo que o que pasei eu non o pase ninguén nunca máis. Ninguén. Nin sequera os que me torturaron.

Eu nunca quixen ser famosa. Pero que esa fama efémera sirva para facer pensar aos da bata branca, e aos da garabata. Até cando aturar a vida? Até cando evitar a morte? A vida é un dereito, non un deber. Morrer é só algo que ten que pasar. Vos estades aí para garantir que pase sen dor e da mellor maneira.

Aaaaaaaaaaaaaaaah!

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *