A gota que encheu o vaso

A publicidade é a parte visíbel dise iceberg que é o sistema publicitario e, máis amplamente, do océano xeado en que evoluciona: a sociedade de mercado e o seu crecemento devastador. E se criticamos este sistema e esta sociedade é porque o mundo morre polo noso modo de vida”. (Grupo Marcuse – De la miseria humana en el mundo publicitario – Ed. Melusina 2006).

Dentro do mundo da publicidade (ou teriamos que a chamar, directamente, propaganda?), a que me semella máis degradante é a que compete ó ámbito da saúde.

O brazo armado do industrialismo devasta todo o que nos preexistiu para compensalo despois con sucedáneos mercantís do que destruíu. A riqueza creada é prisioneira do autocrecemento devorador que se apodera da natureza e das persoas para lles sacar algún valor. Foméntase o consumismo en todos os ámbitos e o ámbito da saúde non ía ser unha excepción. Canto máis se eleva o nivel de vida, máis se degrada a calidade de vida, o que comporta toda unha chea de trastornos. A compensación dos trastornos é un novo motor económico, unha nova oportunidade de negocio: simulacros de reparación que causan novos danos e novos trastornos. Convídovos, neste sentido, a ollar con espírito crítico o anuncio dun medicamento para o “normal” e “axeitado” funcionamento do cerebro.

A economía industrialista é, xa, totalmente autónoma. Non ten en conta as esixencias e necesidades da vida humana e só aspira ó seu propio desenrolo infinito.  A publicidade xa non é necesaria para impoñer o consumismo e convencernos da súa lexitimidade. Simplemente enche de estética, con cínico nihilismo, o baleiro xerado pola economía. A pantalla propagandística (tanto a pantalla figurada como a real) agacha cómo se disolve nuns enormes baixos fondos unha humanidade desnutrida, breve, escura, violenta e que non deixará rastro (Badouin de Bodinat en Op. Cit.). Unha humanidade enferma de ébola que non conforma un “nicho de mercado” abondo como para investigar unha cura.

É agora, cando o medo viral peta na porta, cando quen teñen responsabilidades que nunca asumiron, afeitos a unha plácida vida de cartos opacos e ignorantes de que nas nosas sociedades os problemas e as solucións (nomeadamente os de saúde) xa non son locais, senten de súpeto a necesidade de tapar, unha vez máis, a realidade da súa incompetencia. Entón recorren ó Publicista de Hamelin para que, utilizando a frauta da sofística, adule ás masas, sedúzaas, use a demagoxia, apele ás emocións (nobres ou viles), elabore mensaxes sedutoras que nos vendan o que queremos oír, desviando a atención das cloacas que eles non queren que vexamos. Crear unha cortina de fume que nos faga de pantalla dentro da pantalla.

Pero desta vez esgotóuselles o discurso, perderon o norte. A cortina de fume foilles parar ós ollos: coa mentira, a calumnia e a infamia habituais, insultaron unha muller que é, xustamente, a personaxe desta historia coa que os de abaixo nos identificamos; a que nos fai ver, no salón da casa, un cachiño dese drama que están a vivir a cotío en África. Quixeron botarlle a culpa a unha auxiliar de clínica que —manda carallo— está a dar a súa vida por lle cambiar os cueiros ó cura repatriado. Desta vez non lles funciona a obsesión repetitiva de Pavlov. A mensaxe non consegue violar —penetrar— os miolos do espectador. Esta é a gota que encheu o vaso?

Teriamos que deixar de lle botar a culpa á gota que encheu o vaso e facer algunha cousa coa nugalla que nos fixo estar sentados no sofá, co mando na man, mentres as nosas almas desérticas vían cómo o vaso se ía enchendo gota a gota. Almas cool e hedonistas, compostas de desleixo descoidado e deserción irónica, diante das pantallas, sometidas á influencia da propaganda e, ó mesmo tempo, intimamente persuadidas de non o estar en absoluto.

A todo isto, a miña total solidariedade coa Teresa, coa familia e amig@s, vítimas propiciatorias, por riba da enfermidade en si, da maquinaria inmisericorde, inxusta, soberbia e irresponsábel do poder.

Gostouche?:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *